MONTAÑAS EN REDE. Seguro que máis dunha vez pensaches que as montañas precisan de axuda. Estacións de esquí, infraestruturas turísticas, urbanizacións, estradas e pistas, minas e canteiras, expolio cinexético e forestal, parques eólicos mal situados, industria hidroeléctrica... E quizais pensaches HAI QUE FACER ALGO. En ADEGA e Red Montañas pensamos coma ti. FAI OÍR A TÚA VOZ EN DEFENSA DAS MONTAÑAS! Actúa a fin de semana do 12 e 13 de maio para recordarlles aos nosos representantes políticos que as montañas son LUGARES ESPECIAIS E PRECISAN DUN TRATO ESPECIAL, porque da súa conservación depende o futuro da AUGA, de ECOSISTEMAS E PAISAXES AMEAZADAS, e de moitos outros bens naturais importantes para toda a sociedade. Baixa o Manifesto MONTAÑAS 2007 da páxina de ADEGA
PARTICIPAR É MOI SINXELO: Poderás aproveitar as túas excursións á montaña desa fin de semana para facer unha foto no cumio coa túa pancarta. Podes escoller entre tres formatos de pancarta para 1, 4 ou 8 folios e descargalos da páxina de ADEGA (www.adega.info)
De volta á túa casa, non terás máis que sentar cinco minutos ante o computador e entrar no sito web de Rede montañas (www.redmontañas.org) para descargar a túa foto e encher un formulario moi sinxelo. Non terás que dar os teus datos persoais, pero si poderás aproveitar para indicar cales son ao teu xuízo, as ameazas ou problemas que sofre a área local de montaña que elixiches para facer a túa ascensión. A túa ascensión quedará reflectida no mapa e na galería de fotos.
Uns días despois, cando todos e todas subirades a vosa información, ADEGA e Red Montañas, no seu nome e no de todas aquelas asociacións que o desexen, ocuparase de enviar en nome de todos os participantes, unha mensaxe á Ministra de Medio Ambiente, a todos e todas os Presidentes autonómicos e aos partidos políticos pedindolles que NON HAXA NINGUNHA MONTAÑA SEN PROTECCIÓN.
O ano pasado, as 43 ascensións do 21 de maio serviron para que o Ministerio de Medio Ambiente se comprometera a impulsar a aprobación da Carta das Montañas. Agora a pelota está no tellado das Comunidades Autónomas, que son que xestionan o territorio. Os seus responsábeis políticos deben comprender que as montañas precisan medidas especiais de protección, e nós ímosllo recordar.
SE SOMOS MOITOS/AS TEREMOS MÁIS FORZA
A TÚA ASCENSIÓN PODE MARCAR A DIFERENZA
PASA UN BO DÍA NA MONTAÑA E COLABORA NA SÚA DEFENSA