Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
21 equipos participantes

A Volta a Galicia partirá o 30 de maio de Monforte

A carreira contará este ano coa participación de tres clubs portugueses, un francés e un italiano.

Redacción - 09:47 04/05/2007

A edición deste 2007 da Volta a Galiza xa botou a andar coa presentación este xoves do seu percorrido. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, destacou no acto que este ano a proba é moi especial por varios motivos: “Tanto polo seu percorrido, tocando os camiños xacobeos, como polo crecemento en número de equipos e a súa internacionalización”.

Aínda así, Bugallo destacou que “o que máis nos interesa a nós e esa aposta polo ciclismo de base”. Nesa liña, anunciou que a Volta a Galicia é “un grande escaparate para os ciclistas amateurs do noso país, que saben que non teñen que marchar da súa casa para dar o salto ao profesionalismo”.

A conselleira lembrou tamén o bo momento que atravesa o ciclismo galego, “co regreso da Vuelta a España a terras galegas en 2006, a saída desde Galicia en 2007, así como a creación do equipo galego de ciclismo profesional”.

A Volta a Galicia partirá o próximo día 30 de maio de Monforte e finalizará o 3 de xuño na Coruña. No acto de presentación participaron o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz, o delegado provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria, Ramón Cortés; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; e representantes dos concellos que son punto de saída e chegada das diferentes etapas (Melón, Viveiro, Cangas e A Coruña).

Cortizo explicou que este ano aumentou de forma significativa o número de equipos participantes, ao pasar de 15 a 21. Destacou ademais que esta edición ten un carácter internacional ao participar carreira tres equipos portugueses, un francés e un italiano. Así, en total sería 21 equipos e 147 participantes. Outra das novidades anunciadas no acto de presentación é que o traxecto da mesma “toca” os diferentes Camiños Xacobeos, co cal se engade un compoñente turístico á proba.

O presidente da federación adiantou tamén que, a través dun convenio asinado entre o organismo que preside e a Fundación Ciclismo Galego, organizaranse actividades para nenos e nenas de 7 a 14 anos no lugar da saída, despois de que os corredores inicien o seu percorrido. Deste xeito, os máis cativos poderán participar en carreiras para nenos e nenas e charlas sobre o ciclismo.


4,89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: