Os usuarios rexistrados poden amosar a súa situación nun mapa e deixar mensaxes para todos os internautas.
Nun mapa pódese ver onde se atopan os usuarios do portal
O capítulo galego da Internet Society, ISOC-GAL pon en marcha unha web de cara á chegada do día de Internet (e das Letras), o 17 de maio. O portal, Galicia Global, pretende ser un foro público de unión de toda a galeguidade, independentemente do lugar no mundo onde se atope.
Os usuarios que se rexistren na páxina poden indicar a súa situación nun mapa, e deixar alí unha descrición de si mesmos, unha fotografía e ligazóns aos seus espazos na rede. Deste xeito, Galicia Global serve para a intercomunicación de todos os paisanos. Ademais, inclúe o espazo Blogalicia, para que todos os usuarios do portal poidan deixar mensaxes públicas.
O portal é parte da iniciativa + internet, + galego, + futuro, que quere centrar a atención nos servizos da rede que están na nosa lingua, ao coincidiren o 17 de maio o día das Letras, de Internet e das Telecomunicacións.