O presidente de Venezuela anunciou este 1 de maio a retirada deste país do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional, por considerar que estas institucións serven aos intereses “do Norte".
Xa a mediados de abril, Chávez anunciara que Venezuela pagara anticipadamente a débeda que mantiña con estes organismos, e o seu ministro de finanzas, Rodrigo Cabezas, despediuse ao día seguinte das dúas institucións. En declaracións á emisora estatal VTV, Cabezas detallou que este pago anticipado dunha débeda que vencía no 2012 afórralles oito millóns de dólares en intereses, e lembrou que dende que ao comezar o goberno de Chávez, no 98, a débeda de Venezuela con estes organismos era de 3.300 millóns de dólares. Chávez falou tamén da súa idea de estabelecer un Banco do Sur, apoiado nos ingresos que proveñen do petróleo venezolano, e mediante o que financiaría proxectos en Sudamérica.
Por outra banda, se a OEA o condena por non lle renovar a licenza de emisión á privada Radio Caracas Televisión (RCTV), Chávez anunciou que Venezuela retirarase deste organismo tamén. A licenza vence o 26 de maio, e o presidente anunciou que ao día seguinte, a frecuencia pasará a ser utilizada por medios de prensa e organizacións sociais. A emisora, de liña crítica co goberno, sería o primeiro medio pechado nos oito anos de goberno de Chávez.