Hai unha semana recibíamos a nova de que tres novelas galegas figuran na lista White Ravens de literatura infantil e xuvenil mundial. No marco da Feira do Libro de Boloña, ademais, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural puxo en marcha o inventario que agora podemos descargar na rede. Este catálogo recolle unha mostra dos títulos de literatura infantil e xuvenil realizada durante 2007 ademais dunha relación das editoras galegas. Serve, deste xeito, como plataforma de coñecemento e introdución de editoras e obras nas fiversas feiras de libro de carácter internacional. Editado pola Consellaría de Cultura coa colaboración de Gálix, compila 94 títulos representativos da literatura infantil e xuvenil galega. Nesta publicación, presentada en galego, castelán e inglés, tamén se ofrece información de ilustradores e escritores do país.