A banda virtual galega publica Revolution Dance, onde amosa unha maior integración dos seus compoñentes.
O grupo virtual Galegoz, formado no 2005 por membros de bandas senlleiras do país, saca novo disco. O seu segundo traballo, Revolution Dance, publicado no selo Vir da discográfica Ouvirmos, mestura bases electrónicas con ska, reggae, funk e soul, nunha música que eles mesmos definen como marxista-electricista baixo a etiqueta do Aranhoto Galegoz Style.
Desta volta, a banda déixase atraer por sons dos anos 70 e da música disco, presenta letras máis irónicas e amósase máis integrado, despois dun ano de concertos por todo o país.
Galegoz fórmano Marcos e Miguel Payno, Denís Mutante, Pulpiño Viascón, Alex Salgueiro, Tomás Ruído, Matías Olazábal (guitarra), DJ Nell e VJ Chou. Á espera de que saia o primeiro clip do novo álbum, podemos lembrar este Galician chimpanzee II do ano pasado: