Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Semana do Audiovisual

Os candidatos aos Mestre Mateo percorren o país

Nas sete cidades e en dezasete vilas poderanse ver producións que optan aos premios que se entregarán o 9 de maio na Coruña.

Redacción - 14:18 30/04/2007

Como antesala do fallo dos premios Mestre Mateo 06 para as mellores producións do país, arranca a Semana do Audiovisual. Entre o 30 de abril e o 5 de maio as cidades e moitas vilas galegas recibirán un circuíto de proxeccións da meirande parte dos traballos que compiten.

O luns ás oito do serán comezan as proxeccións nas diferentes sedes da Fundación Caixa Galicia. En Vigo veranse o documental O barco da Memoria e a curtametraxe A promesa, dirixida por Fernando Cortizo, que estará presente no acto. En Pontevedra proxéctase a produción publicitaria Cabreiroá, a auga da terra da auga; en Compostela, De profundis e a curta A bruxa Catuxa; en Lugo, o documental A dedo. Historias de autostopistas; na Coruña, Linatakalam e Bos días, e, en Ourense, 2050 e tamén Bos días.

Tamén se verán filmes nos centros de ensino secundario. O luns á tarde no IES Laxeiro de Lalín exhibiranse De bares e O ladrón de bonecas, e no IES As Bizocas do Grove, Linatakalam e Bos días. Pola noite, ás nove, no Sirena de Vilanova de Arousa pecharase a xornada coa proxección de todas as curtas finalistas.

A velada audiovisual repetirase o martes 1, día do Traballo, no Vinilo, na vila grovense, a partir das dez e media. En total, a Academia Galega do Audiovisual organiza a exhibición por todo o país de 24 producións e de varias montaxes de programas de televisión, nas sete cidades e as vilas da Guarda, Lalín, O Grove, Tui, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa, Vilaxoán, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, As Pontes de García Rodríguez, Culleredo, Burela, Ribadeo, A Pontenova e Monforte de Lemos.

O circuíto está coordinado pola distribuidora Mr. Misto Films, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e a Fundación Caixa Galicia. A gala de entrega dos Mestre Mateo será o 9 de maio no Teatro Colón da Coruña.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: