O presidente de Bolivia asegurou esta fin de semana que Fidel Castro reasumiría a presidencia de Cuba o próximo martes.
Evo Morales afirmou ter información sobre os preparativos dunha “gran mobilización” coa que se celebraría a volta do líder ao poder logo de case un ano apartado da política por mor dunha grave enfermidade intestinal. De momento o goberno cubano non confirmou o regreso de Castro.
“Estou seguro de que o primeiro de maio o compañeiro Fidel vaise integrar a seguir gobernando Cuba e Latinoamérica” adiantou Morales, pouco antes da celebración do I Cumio da Alternativa Bolivariana das Américas, con presenza de dirixentes de Venezuela, Nicaragua e Cuba.
A publicación dunhas imaxes de Castro durante unha xuntanza cunha delegación chinesa era xa para moitos mandatarios unha confirmación da recuperación do líder cubano, que non aparece en público desde o pasado 26 de xullo.