Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ministra de Fomento "non avala" a versión de Adif

O goberno español recoñece que "algo funcionou mal" no sinistro de Valga

Magdalena Álvarez recoñece que houbo fallos. Porén, xa anunciou que os pasos a nivel de Valga non serán eliminados.

Redacción - 14:58 26/04/2007
Imaxe do sinistro de Valga

Imaxe do sinistro de Valga

A ministra de Fomento española, Magdalena Álvarez declarou este xoves que "non avala" a información ofrecida por Adif de que o sistema do paso a nivel de Valga, onde esta corta finaron tres persoas ao ser arrolado o seu coche, operara correctamente, e indicou que "algo funcionou mal".

"Desde o Ministerio de Fomento non avalo esa afirmación", e "sinto que Adif avanzase unha información que no está contrastada" dixo, logo de ser preguntada pola versión facilitada pola entidade xestora de infraestruturas ferroviarias.

Álvarez realizou estas declaracións tras visitar á familia dunha das tres vítimas, onde tamén indicou que o paso a nivel de Valga é o máis avanzado dos que se empregan na rede convencional, polo que o seu departamento non ten previsto actuar neste acceso.

A titular de Fomento explicou que o xuíz xa iniciou a investigación e que as caixas negras xa están no seu poder. Ademais, sinalou que o seu departamento tamén realizará outra investigación e que porá os resultados a disposición do maxistrado.

Feijoo achaca o sinistro á tardanza do AVE
Por outra banda, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, lamentou este xoves que "a tardanza" na execución da alta velocidade ferroviaria "produza problemas desde o punto de vista da mortaldade".

Este explicou que estaba previsto que os 14 pasos a nivel existentes no municipio da comarca de Cangas fosen substituídos coa chegada do AVE.

Pregunta socialista no Senado de Madrid

Ademais, Enrique Curiel, senador e secretario Xeral do PSOE no Senado, anunciou que vai pedir ao goberno español que explique as causas do accidente ferroviario.

Neste senso, Curiel solicitaralle á ministra de Fomento no vindeiro pleno de control o esclarecemento dos feitos e, ademais, esixiralle que indique as previsións existentes para a total eliminación dos pasos a nivel en Valga, de acordo coa solicitude do concello, malia que Magdalena Álvarez xa anunciou que non haberá ningún tipo de actuación.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: