A Xunta Electoral de Zona ordenou retirar publicidade na que se pedía expresamente o sufraxio
Vila de Cruces estase a converter no epicentro de moitos terremotos políticos que sacoden o país nas últimas semanas. Este municipio rural do Deza foi dos primeiros en prender a polémica do voto emigrante. O nome do candidato do PSdeG, Xabier Castelo, comezou a verse polos xornais despois de que “contratase” por correo electrónico a un axente electoral na Arxentina. Pouco despois, o TSXG abría unha importante investigación que aínda está en curso. Esta mesma semana, a polémica volve ás terras cruceñas. Ao PP local entráronlle as présas. Esquencendo o calendario electoral, uns operarios colocaron á entrada da capital municipal unha vistosa pancarta na que se pide de xeito expreso o voto para o alcalde Xesús Otero.
A propaganda, que apareceu na tarde do martes, deixou a moitos veciños coa boca aberta e máis dun pensou que estaba a viaxar no tempo (a campaña non comeza até o 12 de maio). Poucas horas despois, a oposición presentaba unha denuncia na Xunta Electoral de Zona de Lalín. Este organismo ordenoulle ao PP retirar, nun prazo máximo de 12 horas, a publicidade. Os conservadores optaron polo remendo e colocaron un cartón laranxa para suprimir a lenda “vota”.
O candidato do BNG, Xan Blanco, sinaláballe este mércores a Vieiros que o que está a acontecer en Vila de Cruces é un exemplo de que no rural “a algúns non lles importa xogar con cartas marcadas”. Nos pasados comicios de 2003 o PP logrou 9 concelleiros, o BNG 3 e o PSdeG 1.