Na actualidade, os robots serven para realizar unha gran variedade de tarefas, sobre todo en ambientes perigosos, como a exploración, a mineiría ou as profundidades mariñas. Dotáronse co don da ubicación, de sensores de forza, de tacto, dun sistema de percepción visual e, cada día, dunha maior capacidade para tomar as súas propias decisións, sen que o home interveña.
Os robots xa están a ter un crecente papel nas guerras e é posíbel que moi pronto sexan capaces de tomar as súas propias decisións, sen control por parte dos humanos. Un sector de científicos expresaron o seu medo e preocupación pola utilización de robots autónomos principalmente en áreas militares. Cada vez máis máquinas autónomas están a ser usadas en aplicacións militares, de feito, a empresa Samsung creou unha sentinela robótica para controlar a fronteira entre Corea do Sur e do Norte.
Dita sentinela posúe dúas cámaras e unha metralladora. Se un robot autónomo mata alguén, ¿de quen será a culpa? Agora, isto non é un problema porque a responsabilidade caería sobre o deseñador ou quen opera ese robot; pero mentres máis autónomos sexan os robots, máis borrosa se fai esa liña de responsabilidade.
Para outros investigadores, os problemas virán cando os humanos deixen de traballar e conseguir diñeiro por culpa dos robots, por exemplo, unha folga de mineiros que se enfronta a robots armados con canóns de auga. Estas cousas poderían pasar?