Recoñece que a situación é especialmente delicada nos cursos de infantil e primaria
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, garantiu este mércores que o Goberno vai vixiar estritamente o cumprimento do decreto de galeguización do ensino non universitario. Nunha intervención parlamentaria, Touriño recoñeceu que o último informe do Consello Escolar de Galicia recolle abertamente o desleixo na aplicación do anterior decreto. O presidente subliñou que a norma aínda en vigor, promovida polo PPdeG en 1995, representou un “fracaso insólito” para a normalización lingüística.
O presidente subliñou que a febleza do galego é especialmente preocupante no ensino infantil e na primaria. Dende o Goberno coidan que o decreto que vai entrar en vigor o vindeiro curso, garantindo un mínimo dun 50% de materias en galego, pode inverter a situación actual.