Tres blogueiros impulsan un proxecto para compartir experiencias arredor da literatura do país.
Coa resaca do Día do Libro, un grupo de blogueiros decidiu poñer en práctica unha iniciativa para promocionar a lectura na nosa lingua. A súa proposta é crear un grupo de lectura de obras galegas que se comunique a través da rede para intercambiar impresións.
Twitter, rede social onde os seus usuarios intercambian breves mensaxes sobre o que están a facer ou a pensar en cada momento, emprégase deste xeito cun interese literario. Os promotores da idea son Martin Pawley, de Días estranhos; Leco, d'O blog dos pelachos, e Alfredo Ferreiro, d'O levantador de minas.
Para se distinguiren, propoñen que os usuarios que se unan ao grupo teñan un nome que comece por lg_, de “Lemos Galego”. Polo momento, esta rede só conta cun pequeno feixe de persoas, pero de seguro irá medrando progresivamente a medida que se achega o Día das Letras. Nuns días tamén poñerán en marcha un blog do grupo e mesmo un concurso de microrrelatos.