Cig-Ensino e o STEG convocan este xoves unha xornada de folga e unha manifestación en Santiago de Compostela.
O sindicato CIG-Ensino puxo en marcha unha campaña en contra da proposta da Consellería de Eduación de eliminar a xornada intensiva en horario de mañá no primeiro e último mes do curso escolar. Segundo a organización sindical, a campaña conta cun amplísimo apoio na maioría dos centros do país e confirman que están a acadar unhas mil sinaturas ao día.
Tal e como explican os mestres contrarios ao cambio, a existencia deste tipo de xornada ten a finalidade de estabelecer un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo no mes de setembro, e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado de todo o curso durante o mes de xuño.
A CIG-Ensino considera que de levarse a cabo a proposta, esta repercutiría negativamente na adaptación do alumnado, polo que xa anunciaron que intentarán negociar unha alternativa, malia a posición inamovíbel da consellaría. De feito, xunto co Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia convocaron unha folga e unha manifestación para este xoves en Santiago de Compostela, na que participará parte do profesorado afectado pola supresión da xornada matinal.