Case mil alumnos estudan a nosa lingua nas comarcas limítrofes de Castela e León.
O colexio de Tuela-Bibey, na localidade seabresa de Lubián, será o primeiro centro da comarca da provincia de Zamora en contar coa materia de lingua e cultura galegas. Grazas ao acordo asinado entre Política Lingüística e a Junta de Castela e León, os alumnos das zonas galegofalantes do Bierzo e da Seabre terán a posibilidade de aprender o noso idioma.
Na actualidade, doce centros de educación primaria e catro de secundaria da comunidade veciña, ademais da escola oficial de idiomas de Ponferrada, están a impartir clases en galego, con case mil alumnos inscritos. Todos estes centros, máis o de Lubián, recibirán proximamente material didáctico relacionado co Día das Letras 2007.