Os habitantes de Moscova e os de Nizhny, a cuarta cidade máis importante do país, foron testemuñas de diferentes e até algunha extravagante manifestación.
O líder do Partido Comunista, Gennady Zyuganov, no acto do sábado
A pasada fin de semana en Rusia estivo marcada por diversas concentracións, manifestacións, protestas e conmemoracións.
Así, por exemplo, seguidores de Lenin e de Hitler celebraron -por separado- o aniversario do nacemento destes; detractores do ex presidente de Chechenia Akhamat Khadyrov -asasinado hai dous anos- pediron a retirada do seu nome dunha rúa moscovita; e unha marcha de "mulleres loiras descontentas" paseou polo centro de Nizhny.
Grupos da extrema dereita rusa xuntáronse o domingo na Praza Pushkinskaya, no centro de Moscova, para demandarlle ás autoridades da cidade que troquen o nome da Rúa Khadyrov polo de Rúa Komanda Pskov (compañía do exército ruso aniquilada en Chechenia no ano 2000).
Ex militante separatista checheno
Os manifestantes lembraron que o ex presidente checheno Akhmat Kadyrov morreu en 2004, mentres que a lei rusa impide darlle o nome dun relevante persoeiro a unha rúa, denantes de pasaren dez anos do seu pasamento.
"Resido en Moscova dende 1963, e non quero vivir na rúa Akhmat Kadyrov", aclamou o líder ultra-dereitista Dmitry Rogozin ante os seus seguidores.
Estes condenan o pasado de Kadyrov, que malia apoiar nos últimos tempos as políticas pro-rusas na rexión, anos antes fora militante separatista e chamara a facer a xihad (guerra santa) contra as tropas de ocupación.
Lenin e Hitler, de aniversario
Tamén en Moscova, seguidores de Vladímir Ilich Uliánov, Lenin, e de Adolf Hitler celebraron o sábado o aniversario do nacemento de ambos. O venres, 20 de abril, o primeiro tería cumprido 137 anos, e o domingo 22, o segundo, 118.
Ao redor de dous milleiros de persoas fixeron cola na Praza Roxa, agardando para entrar no Mausoleo do primeiro líder comunista de Rusia.
Mentres, uns trescentos nacionalsocialistas radicais reuníanse -sen autorización- na Praza Eslava da capital rusa para conmemorar o nacemento do dirixente nazi, e esixir a liberdade de expresión e de elección no país.
'Mulleres Loiras Descontentas'
Por outra banda, a Marcha das Mulleres Loiras Descontentas tomou as rúas de Nizhny Novgorod, a cuarta cidade máis importante do país, co obxectivo de demandar a fin da súa estigmatización.
Segundo o diario ruso Kommersant, o movemento xuvenil Nashi, próximo a Putin, podería estar detrás desta convocatoria.