Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Arte do século XX

Dúas excepcionais exposicións para non perder

A Fundación Caixa Galicia achega as obras de Tamara de Lempicka a Vigo e de Keith Haring a Ferrol.

Redacción - 14:51 20/04/2007
Unha das obras de Keith Haring

Unha das obras de Keith Haring

Dende este mércores 18 pode verse, na Fundación Caixa Galicia de Vigo, a primeira exposición que se fai no Estado da lendaria artista Tamara de Lempicka. Até o 15 de xullo poderemos gozar dos cadros desta figura icónica da cultura popular no século XX. A artista polaca foi o emblema da art decó cos seus retratos femininos, pero tamén a icona dunha época de vangardas: os anos vinte en Europa. Do erotismo, a sensualidade, o luxo e a opulencia dos “tolos anos vinte” ao esquecemento da posguerra, foi unha artista polifacética. O futurismo de Marinetti está tamén presente na súa obra, así como o cubismo ou o fauvismo, pero as súas temáticas afástanse da denuncia social do expresionismo alemán ou o construtivismo ruso da súa época.

Por outra banda, o local da Fundación Caixa Galicia de Ferrol “Keith Haring. Obra gráfica completa sobre papel. 1982 - 1990”, unha mostra excepcional que recompila toda a obra impresa do popular artista norteamericano: 215 traballos documentan unha andaina que se inicia entre decembro de 1980 e xaneiro de 1981, cando Haring comeza a traballar sobre papel. Até o 10 de xuño poderemos percorrer o universo icónico deste artista, integrado por bebés, cans, anxos, falos ou figuras de Batman. O propio artista chamou a estas imaxes Icons, para bautizalas como os santos do noso tempo. A súa teima contracultural maniféstase sobre todo nunha serie de imaxes enfrontadas a extractos de textos do escritor William S. Burroughs, nas series Apocalypse (Apocalipse) e The Valley (O val).

Tamén colabora con Andy Warhol. “Pop” significaba para Haring o enfrontamento directo e sen prexuízos dos símbolos, as cores e os ídolos forxados no día a día mediante a publicidade, os medios de masas e a vida cotiá da rúa. A litografía, a serigrafía, as impresións en relevo e os gravados á auga forte, foron as súas técnicas; o poder, os cartos, o sexo e a sida, a relixión e o racismo, as súas temáticas.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: