Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proposición non de lei

Unanimidade para pedir que o AVE non afecte a mina de Serrabal

O Parlamento galego pídelle a Fomento que "compatibilice" o trazado Santiago-Ourense coa explotación da mina situada entre Vedra e Boqueixón.

Redacción - 13:38 20/04/2007
Mina de Serrabal/ Foto: CIG, H Neira

Mina de Serrabal/ Foto: CIG, H Neira

Os tres partidos políticos presentes no hemiciclo galego aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei para que se lle pida á Xunta que medie ante Fomento para “conseguir a compatibilidade” do AVE Santiago-Ourense e a mina de Serrabal.

A explotación, situada entre os municipios coruñeses de Boqueixón e Vedra, está parcialmente afectada polo trazado previsto polo tren de alta velocidade entre Santiago e Ourense. É por iso polo que, ante o hipotético peche da mina, os seus traballadores estiveron a reclamar nos últimos meses unha alternativa que lles permita continuar coa súa actividade. Mesmo esta fin de semana concentraranse en Santiago con tal fin.

Malia o acordo acadado, socialistas e populares amosaron as súas diferenzas en relación co probábel cambio de trazado. Segundo o popular Bernardo Tahoces, autor da iniciativa, “non ten por que levar consigo un atraso”, xa que neste tempo poden irse executando outros tramos do trazado.

Mentres, o socialista Abel Losada lembrou que para a Xunta “a principal prioridade” é que se cumpran os prazos e non haxa demoras na execución das obras, aínda que “tendo en conta a lexítima demanda dos traballadores de defender os seus empregos”.

Pola súa parte, o deputado do BNG Fernando Blanco Parga, lembrou a “responsabilidade política do PP” neste asunto, xa que o proceso administrativo se levou a cabo con gobernos populares, tanto en Madrid como en Galicia, “e non se tivo en conta a afectación laboral” aos traballadores de Serrabal. Blanco engadiu que até 2004 non se encargou un estudio para coñecer como afectaría á explotación.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: