Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRES MESES DESPOIS DE ESGOTADO O PRAZO

Seis consellarías teñen pendente de cumprir parte da Lei de Transparencia

Aínda non publican os convenios asinados con outras administracións públicas nin en internet nin no Diario Oficial de Galicia

Manuel Vilas - 12:21 23/04/2007

Seis consellarías da Xunta de Galicia non cumpren co artigo 11 da Lei de Transparencia, promulgada polo bipartito. Este artigo obrígaas a remitiren os convenios que asinen con outros organismos públicos, como os concellos, ao Diario Oficial de Galicia (DOG) cada catro meses. Isto téñeno que facer durante “os primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro”.

Tres meses despois de esgotado o prazo de xaneiro, unicamente os convenios de Industria, Presidencia, Educación están no DOG. Vicepresidencia, Traballo e Medio Rural -aínda que non publicaron esta lista no DOG- si teñen información nas súas páxinas web. En resumo, os convenios de Cultura, Economía, Pesca, Política Territorial, Sanidade e Medio Ambiente non son accesíbeis para os cidadáns nin no DOG nin, aparentemente, nas súas webs.

É e que ademais de difundilos no DOG, a Lei de Transparencia esixe que “para os efectos da súa difusión na internet, a consellería ou entidade fará pública, na súa respectiva páxina web e dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior”.

Hai entes menores que si cumpren
Só nos portais de Vicepresidencia, Medio Rural, Presidencia e Traballo hai información sobre os convenios asinados por estes departamentos ou, cando menos, unicamente nestas webs está doadamente accesible. Mesmo outros organismos de menor rango, como a Secretaría Xeral de Política Lingüística si cumpren esta obriga.

A Lei de Transparencia foi publicada en xullo do ano pasado polo que todas as consellerías deberían ter publicado a información sobre os convenios hai meses. En maio teñen unha nova oportunidade de publicar estas listaxes no DOG e mais nas súas webs.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: