Un stand de seu representará o cómic galego na capital catalá cunha programación chea de actividades, no mesmo Saló e na Galería Sargadelos, todas adobiadas polo I Torneo de futbolín 'Xogando pola banda'.
O Saló Internacional del Còmic de Barcelona chega á 25 edición. Este ano a banda deseñada galega conta cun importante apoio institucional dende a Consellaría de Cultura, que estará presente tanto nos actos organizados no posto galego do recinto feiral co lema de "Banda Deseñada Galega", que alternarán encontros e conferencias dos autores, como nos actos na Galería Sargadelos barcelonesa, que inclúe na súa programación da Semana do Libro Galego en Barcelona a mostra A Historieta Galega.
Alén do apoio das institucións, o cómic galego chega ao Saló cun currículo propio. Entre moitos outros, os traballos de Alberto Vázquez e de David Rubín son candidatos a diversos premios e o fanzine Barsowia, no que participaron, concursan ao mellor fanzine editado no estado. En edicións anteriores o traballo de Miguelanxo Prado acadara importantes recoñecementos.
O seriedade e o institucional estará sazonado co I Torneo de futbolín Xogando pola banda no que os creadores galegos poderán competir, entre a arte e a festa, "co resto do universo" de creadores de banda deseñada presentes na feira. Malia que non sabemos se Alexandre de Fisterra esperaba este torneo cando deseñaba o futbolín, convalecente en Montserrat, seguro que partillaría os goles da BD galega.
Programa de actividades para o Saló Internacional del Còmic de Barcelona 2007
Xoves 19
20.00 | Galería Sargadelos
Inauguración da exposición “A historieta galega”
Venres 20
11:00 a 12:00 | Stand 59
Encontro con autores: Kiko Dasilva e Alberto Vázquez
18,30 | Sala de conferencias del Saló
Presentación “A eclosión da banda deseñada galega”, coa participación dos membros da “Mesa pola BD galega”.
19:00 | Sala de conferencias del Saló
Presentación da revista “BD Banda”
19:30 | Stand 59
Presentación iniciativa Lab.Ou (laboratorio galego de banda deseñada experimental)
Sábado 21
11:00 a 12:00 | Stand 59
Encontro con autores: Víctor Rivas e Javi Montes
12:30 | Galería Sargadelos
Mesa redonda “Que está a pasar aquí?”
Intervienen: Kiko Dasilva, Javi Montes, Hugo Covelo, Carlos Portela e Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural. Modera: Germán Hermida.
18:00 | Stand 59
Presentación culturagalega.org
19:00 | Stand 59
Encontro dos autores galegos no stand
Domingo 22
12:00 a 13:00 | Stand 59Encontro con autores: Carlos Portela, Mariano Casas e Jacobo Fernández.
Todos os días, no stand da BD Galega, terá lugar o “I Torneo de futbolín Xogando pola banda”, que enfrentará aos autores galegos co resto do universo nunha competición artístico-festeira.
Galería Sargadelos Barcelona
Provença 274, 08008
Tel.: 93 215 03 68
25 Saló Internacional del Còmic de Barcelona
Fira de Barcelona. Palau número 8
Del 19 al 22 d’abril