"O noso mellor aval deben ser os proxectos alcanzados por este Goberno municipal do Partido Popular", di na misiva. A solicitude vulnera a lexislación.
Alberto Blanco
O alcalde de Muxía, o popular Alberto Blanco, está a solicitar o voto dos emigrantes deste municipio mediante carta. A misiva vai dirixida ás persoas incluídas no Censo de Españois Residentes Ausentes, CERA, segundo informa o diario La Opinión. O secretario provincial do PSdeG, Moisés Rey Martínez, xa denunciou os feitos ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña.
Na carta que o edil envía aos emigrantes, logo de lles lembrar que teñen dereito a voto, afirma que se presenta de novo "coa esperanza e fe de ser reelixido alcalde", e engade: "O noso mellor aval deben ser os proxectos alcanzados por este Goberno municipal do Partido Popular".
Petición aberta de voto
"Nada me gustaría máis que o confirmase coa súa familia e amigos, que gozan xa de nosos obxectivos en Muxía. O noso programa de futuro será o traballo diario polo emprego, o desenvolvemento e o benestar de todos os muxiáns", continúa.
A carta conclúe solicitando abertamente o voto, tal como denuncian a oposición. "Porque temos fe en logralo, atrevémonos a pedirlle o seu voto muxián coa seguridade de que no lle defraudaremos"; e, xunto a sinatura do alcalde, figura "Fico á súa disposición para o que precise, coa esperanza de poderlle saudar en breve persoalmente".
O 27,44% do censo é emigrante
A oposición denuncia que a petición de voto que formula o alcalde de Muxía "vulnera de xeito flagrante o estabelecido pola lexislación en materia de campañas electorais", e lembra que a normativa prohibe solicitar o sufraxio antes do comezo oficial da campaña, así como despois de que finalice este período.
O alcalde de Muxía ten previsto viaxar nos vindeiros días á Arxentina, xunto con outros mandatarios do PP da zona. O CERA no municipio de Muxía é moi elevado, o 27,44% do total dos electores, segundo datos de principio de ano.