Lendoiro busca un socio maioritario que achegue capital á sociedade deportiva, para o que suprimirá o tope do 1% das accións.
Escudo do Deportivo
O Deportivo da Coruña podería cambiar de dono a curto prazo se os seus accionistas aproban a proposta do consello de administración. O presidente do club, Augusto César Lendoiro, pretende eliminar o límite do 1% do capital social do club por persoa para darlle entrada a máis diñeiro.
Na práctica, iso supoñerá que un só individuo se poida converter en propietario da sociedade, a diferenza do que acontecía até agora, co capital dividido entre moitos pequenos accionistas. Segundo informa La Opinión da Coruña, convocarase unha xunta extraordinaria de accionistas o 4 e o 5 de xuño no colexio de Santa María do Mar para modificar os estatutos do Deportivo.
Con esta medida, Lendoiro pretende resolver os problemas de financiamento que lle afectan ao club, conseguindo que un socio maioritario achegue o diñeiro necesario para a súa subsistencia. Pero, se o Deportivo cambia o sistema de accionariado, tamén terá que renegociar co Concello da Coruña o convenio que lle permite, entre outras cousas, facer uso das instalacións de Riazor.