Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A AUGA DESTINARASE AO POLÍGONO INDUSTRIAL “SOSTIBLE”

Captación ilegal do Concello do Covelo

O Concello de Covelo quere abastecer ao futuro polígono industrial “sostible”cunha captación de auga ilegal. A Asemblea do Suído solicita á Consellería de Medio Ambiente que estude a permanencia de Covelo no programa “Núcleos de Sostibilidade Integrada”

Asemblea do Suído - 19:29 16/04/2007

O concello de Covelo construíu no ano 2000 un dique no leito do río Xabriña (afluente do río Tea) co pretexto de facer unha captación de auga. Ante este feito SEPRONA, a Consellería de Medio Ambiente, os veciños de Paraños e a Asemblea do Suído presentaron daquela, as súas correspondentes denuncias por consideraren que esa obra afectaba de xeito negativo ao ecosistema fluvial do devandito río e por incumprir varias normativas ambientais (como a Lei de Pesca Fluvial).

Ao día de hoxe aínda contamos coa presenza do dique (sen escalas para os peixes) no río Xabriña, a pesar de non ter autorización da Confederación Hidrográfica do Norte (mais si autorizou unha captación de auga de 0´76 L/seg., denegando o seu uso industrial ) e existir dous informes negativos sobre a súa construción da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra. Amais nin sequera a condución construída conta con autorizacións de servidume.

O Concello de Covelo construíu unha captación de auga encuberta para uso industrial, a pesar de non contar con permiso, motivo polo que o asunto da concesión foi levado ao Tribunal Supremo e aínda está pendente de resolución xudicial. Agora o concello acaba de solicitar unha ampliación da captación actual de auga para o polígono industrial para un uso “sanitario”, cando na realidade vai ser destinado para uso industrial. Para realizar a toma de auga o Concello de Covelo utilizou un cano de 200 mm de diámetro, co propósito de captar 4´5 L/seg. nun río que ten un caudal medio de 6-8 L/seg. (¡máis da metade do seu caudal!), e agora queren captar máis auga! ¿Queren deixar seco o río?!

Polígono Industrial Sostible!?

Para máis inri, a captación ilegal de auga é para un polígono industrial que di defender e non poñer en perigo os valores e os recursos naturais da zona, cun modelo de desenvolvemento sostible.

Núcleo de Sostibilidade Integrada!?
O Concello de Covelo está incluído no programa de fomento da sostibilidade impulsado pola Consellería de Medio Ambiente. Un dos requisitos para formar parte do programa é o “cumprimento da normativa ambiental vixente, o que implica que os entes locais no estean incursos en procedementos administrativos que teñan a súa orixe en ilícitos ambientais acaecidos no seu territorio”.

Do exposto concluímos que o concello está a incumprir as bases do devandito programa, polo que solicitamos á Consellería de Medio Ambiente que estude a permanencia do concello no programa. Ao noso parecer, a boa consecución das bases do programa de fomento da sostibilidade en Covelo, están abocadas ao fracaso, xa que non gardamos ningunha esperanza en que o actual goberno municipal saiba integrar desenvolvemento con respecto e conservación do medio ambiente, tal como nolo ten amosado durante moitos anos. Se non se fai nada para remedialo, os 240 mil € destinados a Covelo para levar adiante o programa corren o perigo de desaparecer das arcas municipais sen ter sido utilizados para o seu verdadeiro fin, da mesma maneira que ocorreu coa subvención europea do Leather II para o proxecto dun cámping en Maceira (Covelo).


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: