Os servizos secretos galos informaron aos estadounidenses da intención de Al Qaeda de desviar voos contra obxectivos.
Segundo informa o xornal Le Monde, os servizos de espionaxe franceses coñecían en xaneiro de 2001 a intención de secuestrar e desviar un avión por parte de integrantes de Al Qaeda, talibáns e radicais chechenos. O rotativo asegura que esta información foi trasladada nesas datas á embaixada dos Estados Unidos en París.
Segundo os numerosos documentos analizados, case “unha tese universitaria”, estudábase a hipótese de que o secuestro sería dun avión que viaxaría desde Alemaña até os Estados Unidos e sinalaba, entre outras, a American Airlines e United Airlines como posíbeis compañías afectadas, como finalmente pasou.
A información de Le Monde tamén deixa entrever que os atentados se idearon en outubro de 2000, nunha reunión en Afganistán á que asistiu Osama Bin Laden.