O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite unha homenaxe a
Zeca Afonso, que tanto a
Televisión de Galicia como a
RTP retransmitirán no simbólico 25 de abril. O home que lle puxo voz á Revolução dos Cravos con 'Grândola Vila Morena' morreu vítima da esclerose no hospital de Setúbal, o 23 de febreiro de 1987. Neste seu vixésimo cabodano, Portugal e Galiza lembran ao cantautor con todo tipo de homenaxes, como esta, que ha xuntar artistas das dúas terras: a fadista
Dulce Pontes, as voces alentejanas de
Vitorino e
Janita Salomé,
Sergio Godinho,
Júlio Pereira, Zeca Medeiros,
João Afonso e Cantadores do Redondo. Da nosa beira do Miño, as pandeireteiras
Faltriqueira, a innovadora
Mercedes Peón,
Narf, Víctor Coyote, Antón Reixa, Uxía e compañeiros de viaxe como Benedicto, Miro Casabella, e Xico de Cariño. Mesmo gozaremos dunha banda luso-galego-africana baixo a dirección de Paulo Borges.
José Afonso, mestre, poeta e cantautor, tivo sempre unha fonda relación con Galiza, a súa “patria espiritual”, en palabras da cantante Uxía Senlle, directora artística do evento. “O noso amado Zeca Afonso mantivo sempre esa forza aglutinadora e foi activista e pioneiro no cultivo desta fraternidade alén Miño”. A cantante, que ten feito versións de temas do Zeca como 'Verdes so os campos', salientou a raíz común no imaxinario colectivo cultural e galego á hora de escoitarmos a música de José Afonso: “segue moi presente nas nosas vidas e debémoslle unha nova oportunidade de amosarlle o noso afecto, respecto e admiración, e agradecemento infinito pola súa música e tamén polas súas palabras”.