Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Xornadas de debate no Auditorio de Galicia

Novos camiños para a industria musical do país

Alberto García cre que as empresas privadas teñen que deixar de depender das axudas da Administración.

M. del Río - 18:30 11/04/2007

O mércores rematan as xornadas de debate sobre o futuro da industria musical que se estiveron a desenvolver en Compostela. Polo Auditorio de Galicia pasaron expertos nas industrias culturais do país e do Estado na procura da configuración dun sector autóctono.

Nunha das mesas redondas da cuarta feira estivo Alberto García, técnico de Cultura do Concello de Boiro, partidario de que se potencie unha industria musical de noso.

Vieiros: Hai sitio para unha industria musical galega?

Alberto García: Claro que hai. Non só hai sitio, senón que tamén é unha necesidade. Hai moito por facer e é preciso que exista unha industria musical de noso.

V: Cal debe ser o papel da Administración, das empresas e dos artistas na conformación desta industria?

A. G.: A Administración está para dar un impulso inicial. Creo que ten que haber un cambio nas industrias culturais, que até agora estiveron a ser sostidas polas subvencións. Hai demasiada dependencia. O labor da Xunta debe ser o de apoiar e non o de sustentar. A idea é que o IGAEM se converta nun instituto de industrias culturais. Ten que ser a iniciativa privada a que as impulse. Por outra banda, os artistas só son beneficiarios. Os novos creadores teñen que ter canles para se profesionalizaren, porque falta esa industria.

V: Como ve a música do país a medio prazo?

A. G.: Se se seguen as vontades e os pasos que hai que dar dende a Administración, as empresas e os creadores, a potencialidade existe. Hai bos músicos, temos unha boa marca e unha identidade clara que, se se traballa ben, con esforzo e con tempo, pode chegar a converter a música nun sector estratéxico. Temos moitas posibilidades, pero é imprescindible que haxa iniciativa privada. Non se pode depender da Administración para todo. Como dixen ao comezo, hai sitio e necesidade dunha industria musical.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: