O Goberno xa traballa no deseño dos usos futuros do conxunto arquitectónico.
O Estado cederalle ao Goberno galego a fortaleza de Monterrei e os terreos lindeiros, agás o eido do Parador. Así o anunciou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. A Administración central xa deu unha primeira resposta positiva á solicitude, enviada o 20 de marzo. Como a resolución definitiva aínda levará catro meses, a Xunta xa está a deseñar os futuros usos da fortaleza, con vistas a que a fin de ano se comecen a desenvolver as súas actividades.
O Goberno contratará este mes o Plan Director do Conxunto Monumental de Monterrei, que seguirá as liñas de actuación propostas pola Administración. Será un plan transversal e integral que contemple as actuacións en conxunto.
En todo caso, o proxecto ha reactivar o conxunto monumental, impulsando a conservación do patrimonio e revitalizando a situación socioeconómica do seu contorno. Así, levaranse a cabo usos compatíbeis coa conservación dos valores culturais. Ademais, será preciso contar coa implicación dos concellos e dos axentes sociais da zona.
No que se refire ao plan director da fortaleza, guiarase por catro liñas de actuación: a recuperación dos espazos, a transformación nun museo, a dinamización económica e a mellora das relacións transfronteirizas.