Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Día do Libro Infantil e Xuvenil

As letras miúdas están de festa

O 2 de abril é unha data para homenaxear á literatura destinada aos públicos máis pequechos. Os pícaros que van descubrindo as historias que agochan os libros, e que xuntar unhas letras coas outras fainos viaxar a mundos máxicos, teñen unha chea de actividades para gozar destes días.

Redacción - 19:22 02/04/2007
Contacontos musical na primeira das sesións

Contacontos musical na primeira das sesións

A editorial Kalandraka celebra o seu noveno aniversario por todo o alto: por unha banda, coa recuperación de “novos clásicos” de autores contemporáneos, como Leo Lionni e o irreverente Gianni Rodari, dos que se publican, respectivamente, os álbumes titulados Nadarín (Títeres Trompicallo está de xira cunha obriña inspirada neste conto) e Inventando números. Ademais, a editorial galega aposta pola literatura portuguesa, coa edición de Comandante Hussi, un libro de Jorge Araújo e Pedro Sousa para lectores a partir de 14 anos Premio Gubelkian no 2004, que achega a historia dun neno soldado durante a guerra de Guinea, e O neno que aprendeu a voar, un relato poético que destaca polo estilo cinematográfico da súa proposta estética, con texto de Alexandre Honrado e ilustracións de José Miguel Ribeiro. Seguindo coa súa proxección editorial, Kalandraka edita ademais un destes contos, Nadarín, en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.

Por outra banda, Kalandraka organiza en colaboración co Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Compostela a VII Campaña de Animación á Lectura, até o 5 de maio na Galería Sargadelos de Santiago. Tamén coincide coa preparación da súa participación na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia), na que Kalandraka vén participando nos últimos anos cun stand propio.

Ler: unha aventura diferente, para 5.000 cativos e cativas de Compostela

Probar a debuxar banda deseñada con Kiko Dasilva, escoitar un conto ou visitar unha exposición na que os cadros, en cerámica, son iguais aos debuxos do conto A Solaina son algunhas das actividades das que poderán gozar até o 5 de maio máis de 4.500 escolares da bisbarra compostelá. “Ler: unha aventura diferente” é o lema desta nova edición da VII Campaña, que inclúe tamén actividades nas librarías da cidade e charlas para familias e docentes. "Os nenos teñen capacidade innata para sorprendérense, para ser creativos", contan dende Kalandraka. "Con esta campaña, ademais de facer que gocen os rapaces, tamén atendemos aos mestres, como cadea de transmisión nos centros, e cos pais e nais, para que xa dende a casa estimulen a lectura".

Unha das novidades deste ano foi ter en conta ao público con necesidades educativas especiais: o xoves 29 houbo xa unha charla para educadores e profesionais que traballan con colectivos sociais específicos ou con rapaces que necesitan atención específica, organizada xunto co colectivo vilanovés Bata. Ademais, prevese a edición de libros acordes con estas necesidades, nunha colección chamada "Makakiños".Tamén haberá xornadas destinadas a papás e mamás, para descubriren as claves para animar a ler no fogar e no contorno familiar: a tradición oral, os contos populares e de creación, os libros máis recomendados para os cativos nos seus primeiros anos de vida ou a importancia das imaxes e das texturas para a educación sensorial.

Libros para gozar coa mirada...


Un dos maiores atractivos dos contos, sobre todo para os máis pequechos, son os seus debuxos cheos de cor. Para aprender os segredos dos auténticos mestres do pincel, os cativos poderán compartir unhas xornadas cos artistas Marc Taeger e Kiko Dasilva. Eles impartirán cadanseu obradoiro de ilustración e de banda deseñada os días 10, 11 e 30 de abril e o 3 e 4 de maio para alumnos de segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria, respectivamente. Marc Taeger, ilustrador de libros como A verdadeira historia de Carapuchiña e Aquiles o puntiño, editados por Kalandraka, basearase no libro titulado Mirar a pintura, de Faktoría K, para familiarizar aos cativos coa arte.
Kiko Dasilva, autor de títulos como Moncho e a Mancha e ilustrador de Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, aproximará os escolares ao proceso de creación dun cómic a través dos personaxes de Sar e Sarela, a nova obra que prepara con Kalandraka e co Consorcio de Santiago.

E poderemos gozar dos libros despregados nas paredes dos museos: Smara, de Paula Carballeira, recibiu o ano pasado o Premio Isaac Díaz Pardo 2006 ao libro mellor ilustrado, grazas aos debuxos de Carole Hénaff. "Agora poderémolo ver nun espazo con especial sabor a deserto". Do mesmo xeito, o libro cedé Solaina do grupo galego Na Virada, foi ilustrado con placas de cerámica do artesán Francisco Pérez Porto (ensina imaxes de instrumentos tradicionais e inclúe pezas propias da tradición oral galego portuguesa, como a canción de roda 'A Ciranda, Cirandinha'). Estas pezas serán amosadas, como non podía ser doutro xeito, na Galería Sargadelos.

Outros libros destacados na campaña son A banda de Vilacendoi, do profesor Xulio Gayoso "un conto moi bonito, ambientado nunha aldea real de Lugo que queda despoboada e a banda marcha coa música a outro lado, pero chegan inmigrantes e a banda convértese nun exemplo de integración e mestizaxe", e Un agasallo diferente, escrito por Marta Azcona e ilustrado por Rosa Osuna, que lle dá a súa imaxe ao cartaz da presente campaña". Tamén destacan as traducións de libros: As estacións, de Iela Mari, amosa como vai cambiando unha mesma paisaxe ao longo do tempo. "É todo un clásico que segue vixente: data do 73, e foi grazas a que se atoparon os orixinais que se puido volver editar". E, xa dende Faktoría K, que, nacida ao abeiro de Kalandraka, é, con todo, un proxecto editorial diferente, achega unha tradución do deseñador xaponés Taro Gomi, A bañarse! "no que se trata unha cuestión cotiá como é o baño, e se aborda o tema do corpo humano sen tabús". Tamén se celebrarán actividades nas librarías para fomentar o achegamento da comunidade escolar e da cidadanía ao libro e á lectura. Diversos autores e ilustradores participarán en presentacións e sinaturas das súas obras, obradoiros para o público infantil e sesións de contacontos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Comandante Hussi', de Jorge Araújo e Pedro Sousa Pereira
'Comandante Hussi', de Jorge Araújo e Pedro Sousa Pereira
'Inventando números', de Gianni Rodari
'Inventando números', de Gianni Rodari
'Nadarín', de Leo Lionni
'Nadarín', de Leo Lionni
'O neno que aprendeu a voar', de Alexandre Honrado e José Miguel Ribeiro
'O neno que aprendeu a voar', de Alexandre Honrado e José Miguel Ribeiro