Espera que a destitución cautelar do presidente federativo sexa definitiva. Ademais, sinálano como o principal responsábel do bloqueo á creación da selección nacional de Galiza.
Logo de Siareir@s Galeg@s
O colectivo Siareir@s Galeg@s fixo público o seu apoio á suspensión cautelar dos membros directivos da Federación de fútbol, entre os que se atopa o seu presidente Xulio Meana, implicados nun caso de presunta malversación de fondos e falsidade documental.
"Congratulámonos da decisión tomada pola Dirección Xeral para o Deporte en canto que (Xulio Meana) foi apartado do seu cargo", manifestan na súa web. Acúsano, ademais, de ser "un declarado inimigo do deporte galego que, perpetuado na Presidencia da FGF, impediu por todos os medios atender a demanda social da creación dunha selección nacional".
"Eiva para o fútbol galego"
A asociación, que non quere entrar a valorar os cargos dos que son acusados actualmente, malia que os considera "suficientemente probados, tendo en conta a documentación presentada pola Xunta", considera que a Federación de fútbol vive "presa" desde hai anos de "corruptelas" e "caciqueos", que lle impiden ser unha ferramenta útil para o desenvolvemento do fútbol galego.
Segundo afirman desde Siareir@s Galeg@s, coa desaparición de Xulio Meana desaparece tamén "calquera escusa que adíe indefinidamente a materialización das promesas realizadas por Santiago Domínguez ao redor da selección galega de fútbol".