Este martes 27 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro, tamén no eido editorial: Galaxia presenta, xunto co IGAEM, as novidades da Biblioteca de Teatro, unha colección especializada no estudo da arte dramática.
A presentación será ás 13.00, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, no IES de Bouzas, en Vigo. Nela estarán Mónica Meilán Pita, Xefa do Servizo de Cultura da Delegación de Pontevedra da Consellaría de Cultura e Deporte, Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia, e Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A Biblioteca de Teatro é unha colección de textos teóricos tanto para o traballo das persoas que se dedican profesionalmente ao teatro como para o estudantado e lectorado interesado nos diferentes aspectos dunha montaxe teatral, dende as grandes teorías até o traballo interpretativo. Coeditada por Galaxia, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e a Xunta de Galicia, reúne Manuais, Breviarios e Grandes Manuais, moitos deles utilizados como libro de texto nas Escolas Superiores de Arte Dramático.
Xa van dezaoito títulos editados nesta Biblioteca de Teatro, que naceu no 2003 con Introdución ás grandes teorías do teatro, o primeiro dos nove Manuais que integran a colección (tamén Teoría e practica da interpretación, Leccións de dramaturxia, Escenografía, Os camiños do actor, A fábrica do teatro, Performance, Introdución á linguaxe musical e Dramaturxia). Oito volumes conforman xa o corpo dos Breviarios (Os estudos superiores de Arte Dramática, Técnicas de expresión oral, O teatro, Análise e interpretación de textos dramáticos, Introdución á dirección de escena, Estética e teatro, A dirección de actores e Xestión de proxectos e produción de espectáculos). O ano pasado creouse a subcolección Grandes Manuais cun libro sobre o dramaturgo homenaxeado no anterior Día das Letras: Manuel Lugrís Freire, do texto ao escenario.
Dramaturxia. Teoría e práctica, de Afonso Becerra, é a última novidade: é unha disciplina recente, que se ocupa dos procesos que van do texto ao espectáculo e que pode ter as máis diversas orientacións, dende a análise dos textos na súa dimensión escénica até o deseño virtual do espectáculo.