A Secretaría Xeral de Relacións Institucionais xa lle anunciou ao executivo español que a Xunta non vai mudar de postura.
A Lei de Dereito Civil de Galicia está a tensar as relacións entre a Xunta e o goberno español. Este último anunciou o pasado venres que vai recorrer a lei aprobada polo Parlamento diante do Tribunal Constitucional xa que considera que “excede as competencias” na parte que regula a adopción e a autotutela.
Este mesmo luns o presidente, Emilio Pérez Touriño, anunciou que Galiza vai defender a validez da lei en todas as instancias. Polo momento, o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, xa se puxo en contacto co goberno español para expresarlle que a Xunta mantén inamovíbel a súa postura, que ademais conta co apoio unánime do Parlamento.
Agravio comparativo
A decisión do executivo español está a provocar un profundo malestar no Goberno galego e especialmente no departamento de Vicepresidencia, que é o que negocia directamente as competencias con Madrid. Cabe lembrar que o goberno estatal non recurriu no seu día o desenvolvemento do dereito civil catalán que era máis expansivo ca o galego, incluídos os puntos que trataban a adopción e a autotutela. Algo que tamén ocorreu no caso aragonés.