Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Un ano antes das eleccións presidenciais

Paraguai loita polo guaraní

As organizacións rurais demandan ás persoas candidatas á presidencia nas eleccións do 2008 a plena e íntegra oficialidade da lingua maioritaria do país.

Redacción - 16:36 26/03/2007

Nas áreas rurais do Paraguai vive case a metade da poboación, e delas é orixinaria tamén boa parte da poboación das cidades. Agora, 2.234.761 de persoas diríxense ás persoas que se presentan ás eleccións presidenciais para o ano, esixindo xustiza. “Unha xustiza de séculos que abarca todo: acceso á terra, á saúde, ás infraestruturas, á educación, á auga, ao prezo dos nosos produtos, ao traballo, ao guaraní”. Denuncian a corrupción dun Estado que as ten marxinado, reprimido, empobrecido e analfabetizado: 3.946.904 de persoas, dun total de 5.163.198 habitantes do país, na altura do 2002, falaban o guaraní (o 76 % da poboación). O 30% da poboación falaba exclusivamente guaraní, o 60% dos fogares era de lingua guaraní con diferenzas na área rural e urbana: 82,5% no primeiro caso e 42,6% no segundo).

Dende a colonización española, o guaraní, como moitas outras linguas precolombianas, ten experimentado un proceso de marxinación e represión. Entre 1811 e 2007, o Paraguai viviu nun réxime de apartheid lingüístico que marxinou á poboación falante de guaraní (rural e labrega, maioritariamente). As organizacións asinantes demandan como entre as clases dirixentes do país non hai unha soa persoa que fale guaraní, malia ser a primeira lingua do Paraguai. Imponse o castelán ou “karai ñe’ẽ”, a “lingua do señor”, e mantéñense tradicións do tempo da escravitude. O pacto “hispanoguaraní” marxina e empobrece aos falantes desta lingua. “Por que unha persoa que só sabe falar castelán pode traballar no funcionariado público, se ten que atender a unha poboación de lingua maioritariamente guaraní?”

Non existe unha alfabetización en guaraní, pero tampouco a poboación recibiu unha eficiente alfabetización en castelán, e menos a que traballa no agro. Isto non só marxinou á lingua, senón á comunidade de falantes, excluíndoos da vida social, cultural, económica e intelectual da nación. “Temos sido marxinados de xeito consciente polas clases dirixentes”. Pola contra, na época electoral, as persoas que optan á presidencia empregan o guaraní para as súas arengas, cando realmente non é a súa lingua de uso, nin a que transmiten aos seus fillos e fillas, que reciben unha educación bilingüe en castelán e inglés. O guaraní é unha lingua que marca e marxina. Dende as organizacións asinantes defenden a educación en castelán, mais reivindican o respecto á súa identidade lingüística. Recentemente, apareceu un anteproxecto de Lei de Linguas do Paraguai, e dende as comunidades rurais esixen que esta lei contemple a alfabetización en guaraní, en castelán e nunha terceira lingua. Logo do fracaso dunha Reforma Educativa, esixen agora un programa para a lingua guaraní.

Asinan a carta:

  • MCNOC – Mesa Coordinadora Nacional de Organizacións Campesiñas, Luis Aguayo
  • OÑP – Okaraygua Ñemongu’e Paraguáipe (MCP Movemento Campesiño Paraguaio, Fermín Bobadilla)
  • OLT – Organización de Loita pola Terra, Narciso Ruiz Díaz
  • ONAI – Organización Nacional de Aborixes Independentes, Mario Rivarola
  • UCN – Unión Campesiña Nacional, Daniel Duarte
  • CNSL – Coordinadora Nacional Sebastián Larrosa, Mercedes Fleitas
  • OCN – Organización Campesiña do Norte, Asunción Duarte
  • OCM – Organización Campesiña de Misiones, Mario Talavera
  • OCP – Organización Campesiña de Paraguarí, Sergio Orsuza
  • ACMD – Itapúa
  • CONAMURI – Coordinadora Nacional de Organizacións de Mulleres Traballadoras Rurais e Indíxenas, Julia Franco
  • FNC – Federación Nacional Campesiña, Odilón Espínola
  • ONAC – Organización Nacional Campesiña, Angel Giménez
  • CNUCIP – Coordinadora Nacional de Unidade Campesiña, Indíxena e Popular, Tomás Zayas
  • OCRC – Organización Campesiña Rexional de Concepción, Edilberto Saucedo
  • ACADEI- San Pedro
  • MAP – Movimiento Agrario Popular, Jorge Galeano


Documentos

4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Zona guaraní falante
Zona guaraní falante