Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En detrimento de independentismo e federalismo

O autonomismo gaña forza de cara ás eleccións no Quebec

Os prognósticos para as eleccións quebequesas de este luns auguran unha importante subida do partido Acción Democrática, populista autonomista, que lidera "o Le Pen do Quebec".

Redacción - 11:10 26/03/2007
O líder de ADQ, Mario Dumont

O líder de ADQ, Mario Dumont

Os quebequeses elixen este luns nas urnas os seus representantes para os vindeiros catro anos. As sondaxes prognostican un empate entre os dous principais partidos, o Partido Liberal do Quebec (PLQ, centro-dereita federalista) e o Partido Quebequés (PQ, centro-esquerda independentista), e un terceiro, Acción Democrática do Quebec (ADQ, populista autonomista), máis minoritario noutros comicios.

A sorprendente subida do ADQ de Mario Dumont, un populista conservador coñecido como o "Jean-Marie Le Pen do Quebec" débese en grande medida a súa política de rexeitamento do multiculturalismo, especialmente no que se refire aos musulmáns.

Da independencia ao multiculturalismo

Tradicionalmente, o principal tema na loita electoral quebequesa era a independencia deste territorio do Canadá, factor de polarización dos votantes entre os seus defensores, o PQ, e os seus detractores, o PLQ, formacións que alternaron o poder durante décadas.

Porén, o debate nesta ocasión centrouse en determinar até que punto son aceptábeis as prácticas sociais e culturais das comunidade étnicas en expansión na rexión, tras varios casos que abriron un intenso debate na sociedade quebequesa.

En datas pasadas, un centro deportivo viuse forzado a pintar as fiestras da súa piscina para evitar que os seus usuarios fosen vistos en bañador, logo da presión dunha sinagoga conservadora. Outro exemplo, é a expulsión dun dunha cativa de once anos dun partido de fútbol por vestir un niqab.

Goberno en minoría

Mario Dumont, que se describe a si mesmo como un autonomista que quere máis poder para o Quebec, defende un control máis restritivo neste tipo de asuntos. O hipotético salto cuantitativo do ADQ nestas eleccións facilitaría a aprobación dalgunhas medidas nesta dirección.

Ademais, se as sondaxes acertan, o Quebec contaría por primeira vez na súa historia cun goberno sen maioría. Os líderes dos tres principais partidos xa anunciaron a súa intención de non se unir co outro derrotado para bloquear ao vencedor.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: