O vicesecretario de Esquerra, Xavier Vendrell, opina que habería acordo de goberno con CiU se Artur Mas apoia un referendo sobre autodeterminación.
No estremo de que o Tribunal Constitucional condicione o futuro do Estatut, ou ben fronte ás ameazas ao texto o propio goberno español free o seu desenvolvemento e trate de recortalo, ERC podería convidar a CiU a un pacto de goberno en Cataluña.
Para dar ese paso e segundo explicou durante un acto de precampaña cara ás municipais Xavier Vendrell, deputado, ex conselleiro e vicesecretario de ERC, a formación liderada por Artur Mas debería comprometerse a apoiar a convocatoria dun referendo sobre autodeterminación.
A prensa catalá ofrece este luns interpretacións diversas á proposta de Vendrell. Desde Vilaweb sinalan as diferentes posicións en CiU fronte ao convite, desde a posibilidade de estudar a proposta até a cualificación de "brincadeira" que lle adica Duran i Lleida. En El Periódico refírense á conversa do presidente catalán, o socialista José Montilla, ao líder de ERC, Carod-Rovira, onde este último lle tería dado garantías de estabilidade. En La Vanguardia lembran que as palabras de Vendrell chegan despois dunha xuntanza onde o Consello Nacional de Esquerra sinalou que "a vía autonomista está esgotada".