O secretario xeral de Vicepresidencia e de Relacións Institucionais cualifica a actuación do goberno estatal de “grave erro político e xurídico”.
En declaracións á Radio Galega, Antón Losada pediulle ao presidente do goberno estatal, José Luis Rodríguez Zapatero, que respecte o “Estado plural” e que retire o recurso contra a Lei de Dereito Civil de Galiza, logo do recurso presentado ante o Tribunal Constitucional.
Segundo Losada, a decisión de que o Tribunal Constitucional estude ou non o texto lexislativo galego depende do presidente. "Hai un pulso aberto en torno á Lei de Dereito de Galicia", no que interveñen dúas concepcións de Estado: a descentralizada e moderna, e a de Estado mamut que dita a todos o que temos que facer", asegurou.
Por iso, cualificou este sábado a actuación do Goberno central de "grave erro político e xurídico" e apuntou que o artigo 149.1 da Constitución Española establece que as comunidades poden conservar e desenvolver as súas institucións xurídicas propias, entre as que tamén se atopa o dereito civil.
O secretario xeral de Vicepresidencia insistiu en que seguirá traballando para "convencer" o goberno estatal e destacou que a Xunta está a traballar para alcanzar un acordo neste asunto. Porén, tamén lembrou que a Comisión Bilateral de Cooperación facilitou varias propostas, avaladas polos tres grupos do Parlamento galego, e puntualizou que sempre obtivo unha resposta negativa dende Madrid.