Berlin acolle esta fin de semana un cumio político e diversos actos para celebrar os cincuenta anos da sinatura do Tratado de Roma.
A capital alemá será o escenario onde dirixentes da UE asinen a Declaración de Berlín, un documento que recolle os principais logros destes cincuenta anos de historia europea e que constatará por escrito as intencións sobre o futuro da unión por parte dos seus membros.
As celebracións con motivo do cincuenta aniversario da sinatura do Tratado de Roma comezaron na tarde deste sábado coa celebración dun concerto da Filarmónica de Berlín. Porén, será na mañá do domingo cando se asine a declaración por parte dos representantes do consello europeo, a chanceleresa alemá Angela Merkel, do presidente do Parlamento Europeo, Hans Pöttering, así como do presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso.
Ademais, durante estes días e baixo o nome de Gran Festival Europeo, Berlin está a acoller numerosas actividades lúdicas nas súas rúas.
A Fundación Galicia Europa participa nun debate sobre futuro da UE
Será en Madrid onde a Fundación Galicia Europa participe no debate “Que Europa queremos para os vindeiros 50 anos?, organizado pola Representación en España da Comisión Europea.
A fundación foi unha das institucións invitadas pola comisión en representación de Galiza. O seu asesor en temas europeos, Víctor Pérez Pascual, participará neste debate onde mozos de todo o Estado exporán a súa visión acerca da integración europea, sobre o modelo de Europa que desexan e os desafíos aos que a Unión Europea terá que facer fronte nos vindeiros 50 anos.
O debate comezará coa retransmisión en directo do Cumio Europeo da Xuventude que se celebra en Roma. Ademais, intervirán representantes da xuventude europea xunto á Ministra Federal da Familia, Cidadáns da terceira idade, Mulleres e Xuventude de Alemaña, Ursula von der Leyen; a Vicepresidenta da Comisión Europea, Margot Wallström; o Comisario Europeo de Educación, Cultura e Xuventude, Ján Figel' e a presidenta do European Youth Forum, Bettina Schwarzmayr.