O Consello de Ministros aproba este venres que Repsol inspeccione os novos buratos. En todo caso, non será até xuño cando comecen os traballos.
O executivo teimou durante semanas en que as novas fugas de fuel detectadas na área onde afundira o Prestige non implicaban perigo ecolóxico ningún, insistindo en que en todo caso, a cantidade que nunca se chegou a extraer do petroleiro e que aínda permanece nos tanques non pasa dun milleiro de toneladas das 77 mil que levaba o barco.
Finalmente, o propio executivo galego pronunciouse a favor de que se realizase unha exploración submariña do buque. Con todo, as reclamacións subliñadas arredor do último aniversario do afundimento, non apareceron entre as prioridades do goberno español.
Así, medio ano despois de confirmárense como procedentes do Prestige as manchas de fuel que apareceran na zona, Madrid autorizará á fin que se baixe mirar a situación. Será Repsol, a empresa que xa se encargou anteriormente do selado e extracción do fuel, a que desenvolva a nova operación, que debera determinar se o casco do petroleiro ten novas fendas ou se son os buracos tapados os que volven deixar saír o fuel. Os traballos vanse realizar durante os próximos meses de verán.