Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'2050' e 'As voces do Prestige' abren o programa Doc's Galicia

As producións galegas estréanse no Play-Doc

A segunda xornada do festival de documentais de Tui presenta sete novas pezas, tanto do país como do resto do mundo.

Redacción - 14:05 22/03/2007
Cartel de '2050'

Cartel de '2050'

Ás doce do mediodía inaugúrase o programa Doc's Galicia con dúas producións da terra. En 2050, é demasiado tarde, de Ruth Chao e Javier Silva, amósanse as posíbeis consecuencias do cambio climático e a conta atrás para reverter os seus efectos. Deseguido, proxéctase As voces do Prestige, de Ángel Peláez, sobre o afundimento do petroleiro visto dende a perspectiva de varios artistas. Esta produción levou o premio Mestre Mateo ao mellor documental.

Despois de xantar...
Pola tarde, a partir das catro e media, proxectarase no Teatro Municipal Bs. As., dentro da sección informativa Foco Galicia. Na longametraxe, Alberte Pagán reconstrúe a historia de galegos emigrados a Arxentina a través de fotografías. Dúas horas máis tarde comezará outra dupla sesión: Pensando en soidade, de Marcos Nine, que recupera imaxes filmadas por José Ernesto Díaz Noriega, e Uku Ukai, curtametraxe lituana dirixida por Audrius Stonys e que forma parte da sección oficial.

Na quenda das oito e media verase Estrelas da liña, longametraxe española dirixida por Chema Rodríguez e que conta a historia dunhas prostitutas de Guatemala que montan un equipo de fútbol. Tamén opta a concurso. Ás dez e media, o filme portugués Ainda há pastores?, de Jorge Pelicano, sobre a vida en Casais de Folgosinho, da sección Atlántico, e o galego O tempo dos bullós, curta de Chus Domínguez sobre unha aldea do Caurel, completan a segunda xornada do festival.

E a sexta feira...
O venres comezarán as xornadas de debate do Play-Doc, O documental, a TV, o cinema e todo o que vén, que dedicarán a súa primeira sesión a analizar as últimas tendencias do documental. Esta actividade vai supoñer a estrea de TeuTubo TV, o espazo na rede da Axencia Audiovisual Galega, que a retransmitirá en directo, das once da mañá ás dúas da tarde.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: