O rexedor chairego, que é de orixe siria, arremete contra o ex presidente español por ter apoiado a guerra de Iraq.
Isaam Algnam Azam, alcalde no municipio lugués de Muras polo Partido Popular, acusou este mércores a Aznar de ser un “criminal de guerra” por ter apoiado hai catro anos a ocupación militar de Iraq. O edil conservador non ten reparos en afirmar que o seu ex xefe de partido a nivel estatal participou da operación por “ignorancia e a ambicion de quererse facer grande ao lado do presidente dos Estados Unidos”.
Segundo recolle Europa Press, o rexedor non ten dúbida de que hai unha clara responsabilidade dos tres presidentes da foto dos azores (Bush, Blair e Aznar”. Isaam Algman considera que a ocupación militar de Iraq debe rematar canto antes.
Alcalde dun municipio que non chega aos mil habitantes
Isaam Algnam é alcalde de Muras, un municipio da Terra Chá que non chega aos 1.000 habitantes. Este médico, de orixe siria, vive no concello dende hai 18 anos. Gañou as eleccións presentándose polo PP e é un vello amigo do ex presidente Manuel Fraga. Aínda así, a súa militancia política nunca lle impediu posicionarse contra a guerra en Iraq.