O difícil acceso á auga potábel en Quenia e a crise da industria en Detroit provocan situacións paradoxais.
Pescadores no Lago Victoria / Foto: Demosh
Nun país como Quenia, que ten o segundo lago meirande do mundo e está a carón do río Nilo, a auga é un ben tan valioso que resulta máis cara ca a Coca-Cola. Este paradoxo denunciouno o alcalde adxunto de Nairobi, Waititu Ndungu, presente na primeira asemblea mundial dos representantes electos e dos cidadáns pola auga, organizada polo Parlamento Europeo. A xuntanza pretende propoñer solucións que melloren o acceso a un ben fundamental do que carecen máis de mil millóns de persoas.
Para Ndungu, o principal problema no seu país é que a auga se converteu nun tema político e que non se xestiona ben. De feito, cando o Foro Social Mundial se reuniu en Nairobi, o principal gasto que houbo que asumir foi o da compra de auga envasada, pola recomendación de non beber da billa. Boa parte do líquido do país africano é consumido por empresas privadas de bebidas e de floricultura, mentres o 80% da poboación non pode acceder a el.
Casas a prezo de saldo
Mentres, na cidade estadounidense de Detroit o prezo da vivenda caeu tan de golpe que xa é máis barato mercar unha casa ca un coche. O mercado inmobiliario atópase nunha grave situación a consecuencia da crise da industria automobilística, que provocou unha depresión económica. O paro acada en Detroit o 14% e un terzo da poboación está por debaixo do limiar da pobreza.
A incapacidade dos habitantes da cidade para pagar as súas hipotecas está a facer descender os prezos a niveis alarmantes. Casas que hai dous anos se vendían por 70.000 dólares pódense mercar agora pola metade, ou mesmo menos. Os bancos están a sacar a poxa as casas de clientes que non poden soportar pagar xuros sete veces superiores á media do país.