Se tes instalado o Skype, a ferramenta Soziety ábreche outra oportunidade para o intercambio lingüístico.
Trátase dunha aplicación creada para o intercambio de coñecementos lingüísticos. Os internautas rexístranse e indican a lingua ou linguas que dominan e as que lles gustaría mellorar.
Bautizado Soziety, o espazo pon en contacto á xente, dispoñibilizando as contas de Skype a través das cales poden contactar para conversar e melloraren as súas competencias lingüísticas. Alén do formato clásico de chat, coa axuda dun simple micrófono o Skype pódese usar ao xeito do teléfono, con mellor calidade incluso, falando con internautas de todo o mundo.
Leva poucas semanas en activo, pero neste tempo xa acumulou máis dun milleiro de usuarios. A galería de idiomas vai de momento desde o chinés ao urdu, pasando polo inglés, a lingua telugúa, o croata ou o francés. Inclúe tamén o galego.