Lou Reed, Patti Smith e Laurie Anderson participan esta semana nun recital en Nova York, lendo textos dos poetas cataláns máis representativos do século XX.
As iconas do underground neoiorquino Lou Reed, Patti Smith e Laurie Anderson prestarán a súa voz aos grandes poetas cataláns do século XX, nunha iniciativa que reivindica o vínculo cultural que existe entre ambos lados do Atlántico. O recital, que terá lugar o 23 e 24 de marzo, é o prato forte de Made in CataluNYa, unha mostra de cultura catalá organizada polo Institut Ramón Llull en Nova York.
As tres figuras da vangarda neoiorquina, que recoñeceron estar moi ligados a Cataluña e, especialmente, a Barcelona, porán as súas voces ás versións en inglés de poemas de coñecidos autores da literatura catalá como Pere Gimferrer, Maria Mercè Marçal, Josep Palau i Fabre, Miquel Martí i Pol, Enric Casasses ou Salvador Espriu, entre outros.
Entusiasmados co recital
"Trátase de recitais non exhaustivos, mais si representativos da poesía catalá do século XX. Por iso é moi importante para nós que as tres iconas da modernidade e a vangarda creativa de Nova York se implicasen nas lecturas", explicou Josep Bargalló, director do Ramón Llull e ex conseller primer da Generalitat de Cataluña.
Tanto Reed como Smith e Anderson mostráronse moi entusiastas cos recitais que ofrecerán no Baryshnikov Arts Center de Manhattan, e destacaron a calidade "duns textos de grande riqueza poética, un auténtico tesouro", segundo palabras de Patti Smith.
"Que Nova York acolla actos como este faime sentir orgulloso de ser neoiorquino. Todo o que achegue outra cultura aos estadounidenses é algo moi positivo", sinalou, pola súa banda, Lou Reed, admirador da obra do poeta Blai Bonet.
Exposición no Metropolitan
A cantante Laurie Anderson, quen se recoñeceu seguidora de Miquel Barceló, admitiu que o contacto coa poesía catalá do século XX proporcionoulle "unha gran inspiración ao sentir o desexo de liberdade" dos autores.
Made in CataluNYa coincide no tempo coa exposición que o Metropolitan Museum of Art de Nova York adica á arte catalá de inicios do século XX, Barcelona e a Modernidade: de Gaudí a Dalí.