Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nova chiscadela de Batasuna cara ao proceso de paz

Otegi subliña a "vía democrática" como único camiño á independencia

"Só é posíbel construír un proxecto independentista se é pola vía democrática", dixo o líder de Batasuna en Catalunya Rádio.

Redacción - 09:00 21/03/2007

O voceiro de Batasuna afirmou durante unha entrevista na emisora catalá que sería un "erro" promover a construción dun Euskadi independente "desde a loita armada ou a imposición armada". Otegi considera que a propia ETA asumiu xa que o camiño á independencia non pasa pola continuación da violencia.

Preguntado pola razón para que, na súa opinión, a ETA non parase a súa actividade, Arnaldo Otegi indicou que "seguen a loita porque consideran que nestes momentos non existen condicións democráticas para que un proxecto independentista se poida construír desde medios democráticos". "Pero esa é a súa opción", engadiu.

Ao fío, Otegi insistiu na necesidade de que Batasuna acuda aos próximos comicios municipais nun momento onde "a solución do conflito está por riba da mesa". Criticou ao respecto de que "intereses moi poderosos" teimen en evitar que a súa formación política poida participar nestas eleccións.

Por outra parte, a Audiencia Nacional decidiu manter o xuízo contra Otegi polo presunto delito de "enaltecemento do terrorismo" durante o acto en lembranza de Olaia Kastresana, a militante da ETA morta en xullo de 2001. Paradoxalmente, a fiscalía pediu xa en dúas ocasións a suspensión do xuízo, debido a que outros dous imputados, Jon Salaberria e Araitz Zubimendi, foron absoltos pola mesma cuestión.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: