O presidente da Xunta recibirá ao mandatario africano, que manterá varios encontros con empresarios galegos na Coruña e coa comunidade caboverdiana de Burela.
O primeiro ministro de Cabo Verde, José Maria Pereira Neves, inicia esta corta feira unha visita de dous días a Galiza, para manter un encontro cos empresarios galegos e coa comunidade de caboverdianos de Burela, a máis importante do país.
Pereira Neves chegará á Coruña pouco antes das 10.00 horas procedente do aeroporto de Torrejón (Madrid) nun avión das Forzas Aéreas españolas. Pouco despois, manterá un encontro co alcalde da cidade herculina, Xavier Losada.
Industria pesqueira
Tras esta reunión, ás 10.45 horas, trasladarase á sé das Cámaras de Comercio de Industria e Navegación da Coruña, onde será recibido polo seu presidente, Xosé Antonio Quiroga, e manterá un encontro con empresarios galegos, da industria pesqueira, principalmente.
A intensa axenda tamén inclúe a visita á Escola Universitaria de Turismo ás 12.40 horas, na que lle servirán como guía polas instalacións (prevista para as 13.00 horas) o vicerreitor de Calidade e Harmonización Europea da Universidade da Coruña, Manuel Peralvo, e o director da Escola Universitaria de Turismo, Carlos Rodríguez.
Entrevista en Burela
Tras un xantar privado, Pereira Neves desprazarase a Burela, acompañado pola conselleira de Pesca, Carme Gallego, onde reside a comunidade máis importante de caboverdianos do país, a maior parte vencellada á actividade pesqueira.
Á súa chegada, manterá unha entrevista co alcalde, Xosé González, e entrevistarase cos residentes do país africano neste municipio da Mariña Central.
Reunión institucional
O segundo día da axenda iniciarase ás 10.30 horas cunha visita á catedral e á zona histórica da capital galega. Xa o mediodía, manterá unha reunión con Carme Gallego en San Caetano.
Ás 13.00 horas desprazarase ao Hostal Reis Católicos e dende alí ao Pazo de Raxoi, onde ás 13.45 horas se entrevistará co presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño. Tras o xantar institucional, Pereira Neves abandonará Galiza con destino a Cabo Verde.