As pemes utilizan maioritariamente software propietario aínda que “en moitos casos” non poden pagar as licencias, segundo unha investigación da Consellaría de Industria.
Mancomun.org -a iniciativa da Xunta a prol do software libre- acaba de publicar as conclusións dun pioneiro programa para fomentar o uso dos programas abertos entre as PEMEs. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en Betanzos e que incluíu entrevistas para identificar que barreiras frean a adopción dos programas libres.
”Inexistente” uso do galego
Unha das conclusións é o “inexistente” uso do galego nos programas que usan as compañías "incluso nos paquetes de ofimática que si se ofertan en galego". En funcións determinadas, por exemplo a facturación, o informe indica que a presenza do galego é “nula”.
A investigación di que a maioría das aplicacións que usan as empresas sonpropietarias e, polo tanto, de pago. E isto sucede a pesar de que “en moitos casos” os pequenos empresarios admiten que non poden asumir as licencias.
Polo contrario, entre as empresas percibiuse “unha receptividade moi positiva na difusión do OpenOffice.org", paquete libre e gratuíto traducido ao galego pola Xunta. O documento tamén sinala que “o navegador Firefox é empregado con certa frecuencia dentro das empresas cun alto grao de satisfacción de uso”.
Apoio durante a migración
Para facilitar a migración de programas pechados -por exemplo os de Microsoft Office- a programas abertos -como os do OpenOffice-, as PEMEs demandan máis asesoramento. As empresas tamén solicitan servizos de soporte técnico, que lles solventen problemas durante as migracións.
Como estes servizos están fóra da capacidade económica dunha soa compañía, o texto recomenda a creación de “espazos colaborativos”, como portais web, nos que as compañías poidan compartir servizos e custes.