A edición de inverno da proba deixou tamén seis novas marcas galegas absolutas e sete por idades.
O Campionato de España de natación júnior que se celebrou esta fin de semana en Madrid deixou un total de 20 podios para os nadadores galegos. Este domingo, na terceira xornada da cita, Rufino Regueira acadou o primeiro posto na proba de 200 libre e o segundo en 200 costas, o que lle permitiu ao do CN Ribeira acadar tamén dúas novas marcas galegas de 17 anos.
Pola súa parte, Aurora Pérez Fernández do CN Coruña estabeleceu tamén unha nova marca galega en 200 braza e acadou o primeiro posto da clasificación de 16 anos. Luís Leiro Álvarez do RCN Vigo fixo o mesmo nos 200 estilos mentres que na proba de braza foi segundo.
Completaron os éxitos galegos no último día do campionato Raquel Martínez Canosa, segunda en 200 estilos, Carlos Alves Rivas, terceiro en 200 braza e o CN Coruña, que mantivo a terceira posición na clasificación por clubs na categoría feminina.