Israel anunciou que non tratará cono novo goberno pouco despois de que este presentara o seu programa.
O presidente palestino Mahmud Abbas e o primeiro ministro, Ismail Haniyah, xuraron este sábado o novo goberno de unidade palestina que inclúe membros dos partidos Al Fatah e Hamás. Os dous dirixentes pediron nun acto parlamentario o fin do boicot internacional á Autoridade Palestina estabelecido hai un ano contra o goberno de Hamás.
Segundo Abbas, “este matrimonio de unidade nacional foi ben recibido polos árabes e a comunidade internacional, e agardamos que iso se transforme en pasos prácticos para acabar co boicot”.
O presidente tamén anunciou no acto de constitución do novo goberno que traballará para “acabar coa ocupación israelita”. Ao mesmo tempo, anunciou a súa intención de procurar un acordo de paz “xusto e amplo” con Israel e rexeitou a violencia, “sexa na forma que sexa”.
Pola súa parte, Haniyeh, primeiro ministro e líder de Hamás, explicou na sesión parlamentaria que o obxectivo principal do novo executivo será o “estabelecemento dun Estado independente palestino con plena soberanía e capital en Xerusalén, nas terras ocupadas na guerra de 1967”.
Israel non tratará co novo goberno
Case ao mesmo tempo que se presentaba o novo gabinete palestino se anunciaba desde Israel a negativa a negociar coa coalición. Segundo Miri Eisin, portavoz do executivo israelita, “gustaríame ver o pobo palestino mellorar a súa situación e agardamos facelo co presidente palestino, pero non trataremos con este novo goberno”.