O pavillón das Travesas de Vigo acolle estes 16 e 17 de marzo a proba en que Galiza contará con cinco representantes.
O club de patinaxe pontevedrés Carpa celebra o seu vinte e cinco aniversario esta fin de semana coa celebración como anfitrión do Campionato de España de Grupos Show. A competición comezará na tarde do venres coa disputa da modalidade de grupos grandes, máis de dezaseis patinadores, mentres que o sábado será a quenda dos grupos pequenos, entre seis e doce integrantes.
O club organizador abrirá a xornada cun espectáculo titulado “A inspiración de Dalí”. A tarde deste venres tamén deixará a loita polas medallas do Fontiñas de Santiago e o Club Ánfora de Cangas, o único que participará en ambas modalidades. O sábado, ademais do club cangués, participarán o Valladares de Vigo e o Alquimia de Carral.
Os principais rivais dos clubs galegos serán os representantes cataláns: Olot, Reus, Patinatge El Masnou, l`Aldea, GEIEG, Ribes e Tona. Tamén participarán na cita o Patín Monreal de Aragón, o Maspalomas de Canarias, o Guadalaxara de Castela A Mancha, o Nájera da Rioxa, o Rivas e o Aluche de Madrid, o Alcoy de Valencia e o Virxe da Luz de Asturias.
Ademais da competición, a compañía Art Roller Tour, formada por figuras mundiais da patinaxe artística, realizará baixo a dirección de Patrick Venerucci unha representación baseada nos grandes mitos do cine de Hollywood.