 
O Ázkar Lugo perdeu ante o Torrejón e cae eliminado da “súa” Copa de España.
 
											O Ázkar caeu ante o Torrejón
Galiza contará en breve cunha selección de fútbol sala. Así o anunciou este xoves Santiago Domínguez, director xeral para o Deporte. En declaracións aos medios, asegurou que “será unha das seleccións que de inmediato imos pór en marcha, porque hai xogadores e técnicos en Galiza coa suficiente calidade para iso”. 
O máximo dirixente do deporte galego, que presenciou este xoves o primeiro partido da Copa de España de fútbol sala, apuntou que “temos tres equipos ao máis alto nivel e as circunstancias son propicias para a selección”. 
Este medio xa anunciou o pasado mes de febreiro que desde a Dirección Xeral se estaba a preparar a estrea deste combinado. En declaracións a Vieiros, o adestrador do Autos Lobelle, Pulpis, anunciaba que o proxecto estaba en marcha e que contaban con el para dirixir a selección. “Para min é unha grande honra porque aquí en Galiza hai un nivel moi alto e hai moitos adestradores. Ademais temos unha canteira con moita calidade e moito potencial para facer grandes cousas”, aseguraba o adestrador santiagués. 
Derrota do Ázkar na Copa de España
O anuncio da creación da selección coincidiu co inicio da fase final da Copa de España en Lugo. Os anfitrións non puideron superar os cuartos ao caer ante o Carnicer Torrejón por 2-4. Os madrileños desequilibraron a eliminatoria a falta de só dous minutos para o final grazas a dous goles de Juanra e Jesús García. 
Na outra eliminatoria o Interviú superou o Playas de Castellón nos penaltis e será o rival do Torrejón na primeira semifinal. Para esta tarde queda a estrea do Lobelle na defensa do título. En fronte terá o ElPozo Murcia, a partir das 18:30 h e televisado en directo por Teledeporte.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto