A cantante mexicana presentará no Coliseum da Coruña, o martes a partir das nove da noite, algúns temas do seu disco Limón y sal e outros dos seus grandes éxitos.
Julieta Venegas / Foto: Carlos Guzmán
Julieta Venegas, que foi gañadora do Grammy latino ao mellor álbum de música alternativa, do MTV Latinoamérica á mellor intérprete e do Grammy estadounidense ao mellor álbum de pop latino, dará o seu único concerto no país.
A noite do martes, non apta para persoas supersticiosas, tamén actuarán Tachenko. Estarán ás dez en La casa de arriba pop de Vigo. O día seguinte, mércores 14, tocarán no pub El Matadero, en Compostela, ás dez e media.
Tamén o mércores, pero a unha hora menos habitual, as seis e media da tarde, o grupo indie valenciano La Habitación Roja ofrecerá un concerto en que presentará en primicia para Galiza temas do seu próximo traballo, Cuando ya no quede nada. Será no teatro da Cidade Universitaria do campus de Vigo.
Xa pola noite, no Fábrica de Chocolate Club estará o home-orquestra Bob Log III, que tamén dará un converto exclusivo no pais. Pola súa banda, o cantautor ferrolán Andrés Suárez vai actuar ás dez e media da noite no Trapitos y Joyas de Compostela.
Rede Galega de Música ao Vivo
A Consellería de Cultura programa dous espectáculos para a noite do mércores. Ás once menos cuarto, o Marcos Pin Trío estará na Borriquita de Belém, en Santiago. Un cuarto de hora despois, os Ragdog presentan a súa música en El Ensanche, en Vigo.